martes, 10 de marzo de 2020


ASOCIACION CULTURAL VAL DO TEA
Nota de prensa

Mañan mércores 11 de marzo e auspiciadas pola Asociación do patrimonio cultural val do Tea,   terá lugar a primeira dunha xeira de visitas os centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato  de Ponteareas.

A “asociación do patrimonio cultural val do tea” ven de colaborar coas primeiras xornadas sobre patrimonio do condado, celebradas a pasada semana no museo de Ponteareas. Seguindo a nosa filosofía de colaborar  e divulgar o patrimonio do concello de Ponteareas e do Val do Tea, iniciamos mañan mercores 11 de marzo a primeira dunha xeira de visitas os centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato  de Ponteareas, visitas que iremos extendendo os diferentes concellos que forman o Val do Tea. Nesta primeira visita o secretario da Asociación Val do Tea, Sebastián Merino Carrera, estará no CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas onde lles proxectara aos estudantes de 6º de Primaria o documental inédito  “O Castro de Troña no Tempo “.
Os nenos e nenas terán a oportunidade de coñecer a labor de divulgación e posta en valor que fai a Asociación Val do Tea en prol do noso patrimonio, así como o equipo de docentes dos centros escolares, os que animamos a que sigan  ensinando  o valor do noso patrimonio.
E imposible protexer ningún patrimonio se non o coñecemos.

Sebastián Merino Carrera
Secretario da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea
 

domingo, 8 de marzo de 2020


A posta en valor do Patrimonio

Nos últimos tempos vén aparecendo a cotío nos medios de comunicación numerosas novas sobre agresións ao patrimonio cultural en toda a xeografía galega. Mámoas, castros, cruceiros, petróglifos e moitos outros elementos singulares sofren o desleixo das diferentes administracións e da barbarie de xentes que carecen da máis mínima sensibilidade ou descoñecen o verdadeiro valor daquilo que destrúen.

Estas agresións vense repetindo dende hai moitos anos sen que ningún organismo tome as medidas pertinentes para a súa conservación, medidas que tan só suporían, as máis das veces, o investimento de cantidades ínfimas de diñeiro en comparanza co que se destina, por exemplo, a promocionar o Camiño de Santiago.

Por outra banda, a posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial significaría non só un recoñecemento ao labor dos nosos devanceiros, que levantaron durante séculos construcións que aínda hoxe seguen a prestar un servizo -tal é o caso dos muiños, fontes, hórreos, levadas...-, senon que serviría para atraer un turismo que non só busca a consabida festa gastronómica, senon eses elementos da cultura popular que pola súa autenticidade dotan a un pobo dunha idiosincrasia particular e irrepetible. Sen falar de elementos como os castros, mámoas, petróglifos, cruceiros e un longo etcétera de pequenos e grandes monumentos que nos convirten nun dos países con maior patrimonio de Europa.

Se nos referimos ao caso particular de Ponteareas, subliñar que o val do Tea aínda conserva moitos bens patrimoniais de gran interese e importancia, pese a gran destrución rexistrada nas últimas décadas. A súa divulgación, de cara a unha toma de conciencia, levou ao concello a organizar as I Xornadas sobre Patrimonio do Condado, nas que se deron cita especialistas en distintas áreas da nosa cultura popular, entre eles o vicepresidente da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea, Arístides Carrera Lorenzo, quen disertou sobre os fosos de Guláns e a súa contorna, coa proxección dun interesante vídeo.
Non obstante, aínda queda moito por facer, tanto en relación ao estudo do patrimonio como á divulgación da necesidade de conservar e valorar unha cultura que naceu do pobo e que nos pertence a todos. E sobre todo porque constitúe un sinal de identidade do que somos e nos define como unha das culturas máis antigas de Europa.
Manuel Blanco